Wednesday 01 de May de 2024

O Concello da Coruña prepárase para a celebración do San Xoán 2023


A alcaldesa chamou a unha celebración “con sentidiño” e lembrou as recomendacións ambientais e en materia de seguridade

Premiarase a reciclaxe de vidro a través de boletos tipo “rascas”

Os concertos de The Txandals e Celtas Cortos amenizarán a noite na explanada de Riazor

O Concello da Coruña prepárase para a celebración de San Xoán cos últimos detalles para a noite máxica. A alcaldesa, Inés Rey, chamou a unha festa “con sentidiño” e lembrou as diferentes recomendacións emitidas polo concello en materia medio ambiental e de seguridade cidadá para o correcto desenvolvemento da festividade.

“O San Xoán é unha das nosas festas máis tradicionais e como todos os anos pedimos que se celebre con sentidiño, facendo caso ás recomendacións de seguridade e medioambientais” sinalou a alcaldesa. Lembrou que nos areais de Orzán e Riazor, Matadoiro, San Amaro e Oza se levará a cabo o reparto de madeira a partir das 19.00 horas, que se poderá baixar logo da apertura das praias ás 19.30 horas. “Repartiranse 120 toneladas de madeira así que pedimos que non se traia madeira allea á que reparte o Concello por cuestións de seguridade, xa que poden traer cravos ou outros elementos prohibidos para a queima” pregou a alcaldesa. Tamén fixo referencia á carga de materiais voluminosos como mobles ou colchóns, tamén prohibidos de acordo coas recomendacións de seguridade propostas polo Concello. O reparto de madeira distribuirase en 14 puntos: 11 sobre area en Riazor e Orzán; un en San Amaro, na zona de aparcamento; un en Oza e un en Matadoiro.

Rey recordou que, como todos os anos, está prohibido baixar botellas e outros materiais de vidro ás praias. “Reforzamos o servizo de colectores, tanto de vidro como de materia orgánica ou inorgánica nos accesos ás praias para que todo o lixo se depositen nos mesmos e que sexa máis doado o traballo de limpeza, que comezará co peche das praias ás 6 da mañá”. Ademais, o Concello da Coruña premiará a reciclaxe de vidro a través de boletos tipo “rascas” con premios como patinetes eléctricos e entradas ao Aquapark de Cerceda.

Disporase de 15 monitores ambientais uniformados, co apoio de 2 coordinadores, que recorrerán Riazor, praza Elíptica e a rúa Emilia Pardo Bazán animando ao público a reciclar nos diferentes colectores e tamén aos establecementos. Colocaranse un total de 41 iglús colectores de vidro, 18 municipais e 23 en colaboración con Ecovidrio.

Nese sentido, a contenerización doutros resíduos tamén se reforzará nos diferentes accesos ás praias do Matadoiro, Orzán, Riazor, Oza, San Amaro e Lapas así como noutros puntos da cidade. Esta mesma madrugada comezarán a colocarse e recolleranse a partir das 7.00 horas do 24 de xuño. Nas praias colocaranse un total de 71 colectores de materia orgánica e 239 de materia inorgánica, que acompañarán aos 41 iglús. Ademais tamén se reforzará a contenerización noutros puntos da cidade con 16 colectores orgánicos, 28 inorgánicos e 6 colectores de vidro tipo iglús. Estes estarán ubicados nas rúas Emilia Pardo Bazán, Monforte e San Xoán; nas prazas de España, Elíptica e Azcárraga; no Parque das Lagoas e no Barrio das Flores. “En total refórzase a contenerización en máis de 30 puntos da cidade, así que pregamos que se usen de forma responsable e lembramos que está prohibido o cambio de localización dos colectores xa que entorpecen a recollida posterior” lembrou Rey.

No canto das cacharelas, sardiñadas e similares permitidas nos espazos públicos débense respetar as medidas de seguridade de altura e cerco, con 10 centímetros de area ao redor para garantir a seguridade. Ademais non se poderán usar acelerantes nin combustibles para a súa queima. “Tamén pedimos que se deixe todo recollido e os lumes apagados con auga ou area para facer máis fácil a tarefa dos dispositivos de limpeza e seguridade” sinalou a alcaldesa.

Haberá 24 aseos portátiles na contorna das praias, 10 na area a ambos lados da Coiraza, e estarán dispoñibles a partir das 17.00 horas de mañá, venres 23 de xuño. Ademais, os baños públicos de Riazor estarán abertos de forma ininterrompida desde as 21.00 horas de mañá ata as 6.00 horas do 24 de xuño, coincidindo co peche de praias, e contarán con servizo de limpeza.

Puntos violeta

Tamén se habilitarán catro puntos violeta. Un deles será fixo, na zona das Escravas, e os outros tres móbiles no Paseo Marítimo, desprazándose polo espazo no que se celebre a festa. Un dos puntos móbiles quedarase como referencia fronte ao Palacio dos Deportes de Riazor durante a celebración dos concertos de The Txandals (22.00 horas) e Celtas Cortos (00.15) na explanada.

O horario de atención será das 22.00 horas do 23 de xuño ás 05.00 horas do 24 de xuño, aumentando unha hora máis o servizo con respecto ao ano pasado. “Esperamos que non teñan que ser utilizados e que teñamos unhas festas sen incidentes deste tipo” concluíu Rey.